Coñécenos

Rinoceronte Editora é a primeira editorial especializada na publicación de obras traducidas ao galego. Naceu en Cangas do Morrazo no ano 2005 coa intención de importar para a nosa lingua literatura estranxeira, fundamentalmente recente, e en especial de ámbitos culturais e lingüísticos inéditos en galego.

En Rinoceronte dedicamos especial coidado aos nosos libros. Escollemos demoradamente os nosos títulos e os nosos tradutores e queremos que os lectores dispoñan de toda a información relativa aos libros que teñen nas mans: título orixinal da obra, data e lugar da primeira edición, quen o traduciu, quen o revisou, quen ilustrou a capa, quen o maquetou, quen o imprimiu, que papel se empregou e con que tipografía se compuxo.

Na nosa selección de títulos tratamos de cubrir dúas vertentes: apostar por autores de calidade, aínda descoñecidos no noso contexto literario e cultural, e ofrecer obras de autores recoñecidos, recentes ou inéditas en galego.

Buscamos amosar un panorama amplo da literatura que se publica en diferentes puntos do planeta, dentro das nosas posibilidades, filias e fobias. No noso catálogo atoparás as primeiras traducións literarias publicadas en galego dende o húngaro, o xaponés ou o árabe.

Todo isto sen deixar de lado o acceso á literatura clásica e antiga universal na nosa lingua.