Santiago Freire
Moaña, 1972.
Canda o seu terceiro aniversario levárono a un sitio chamado escola e na carteira o caderno de Palau. Tardou en aprender a ler. Iso non o quere lembrar. Pero si lembra ser un seareiro incondicional de Fofó, o dos pallasos da tele. Pasou horas co nariz pegado á pantalla, ata que súa nai se alarmou cando petou coa fronte contra unha porta. Era miope. Xa con gafas, fixéronlle cambiar a Fofó por Mark Twain. A partires de aí decidiu que a súa vida sería tan enxeñosa, tan divertida e tan disparatada como a de Huckleberry Finn. Claro, fracasou. Como pretender ser un pillabán se levaba colgadas da punta do nariz unhas considerables lupas de aumento! Leu cómics por se identificar con algún superheroe. Si, Superman levábaas, pero as quitaba para defender a terra das invasións extraterrestres. Non lle servía. El en canto quitaba os lentes ía ás apalpadelas. Así que descubriu o “Rompetechos”, e decidiu que sería igual ca el, nun andar ensimesmado, como se nada fose xa con el e a vida un perigo constante co que se esmendrellar. Non lle vai nada, nada mal.
Publicacións en Sushi Books