
Alianza fala diso: da unión, do amor, da atenta compaña na viaxe. Unha viaxe cara á sorpresa e o descoñecido na que cómpre ter os sentidos acesos. Un decurso persoal no que un intre pode durar eternamente na contemplación da fermosura. Pero fala tamén da distancia, da perda, do oco que existe entre o ser amante e o amado: esa carencia na que se asustenta o eros. Todo ganduxado con fíos de superación, de alianza, cos que esta deliciosa proposta (po)ética cose, con delicadeza extrema, as dúas faces do amor.
Luís Valle (Lugo, 1977), humanista, escritor e artista visual con formación de posgraduado en dirección de empresas, filoloxía hispánica, didáctica, patrimonio histórico e políticas culturais pola Universidade de Santiago de Compostela, o Consello Superior de Investigacións Científicas e a Universitat Oberta de Catalunya.
Como poeta ten publicado o volume Zigurat (2001), composto polos libros Jano, Jethro en Irán, Poemas para el silencio e Inacabado, e os poemarios Epitafio y corona para Manuel Quiroga (2007), A caída (2009), Fedor (2011), Caderno do mendigo (2011), As cicatrices do Sol (2015), Trona, o merlo (2015), Para que eu beba (2017), Óstraka (2019) e Causa de nieve (2021). Preto de vinte e cinco anos de produción poética pola que obtivo numerosos galardóns e recoñecemento crítico.