Virxilio
Publio Virxilio Marón naceu no ano 70 a.n.e. en Andes, unha aldea ao norte de Italia preto de Mantua, no seo dunha familia humilde pero que posuía algunhas terras. Cando Virxilio tiña uns doce anos, trasladáronse a Cremona; alí fixo os primeiros estudos o poeta até que tomou a toga viril no 55 a.n.e. Posteriormente, viaxou a Milán para estudar retórica e outras disciplinas relacionadas co mundo da natureza e o seu coñecemento. Máis adiante continuou a súa formación en Roma, centro neurálxico da vida pública e lugar ideal para desenvolver as habilidades e as artes da elocuencia. Porén, Virxilio pronto se decatou de que o foro non era o seu. Da man de Asinio Polión, home de cultura que se movía polos círculos literarios da época, entrou en contacto cos poetae novi. Así Virxilio comeza a compoñer poemas. O propio autor, nalgunhas destas composicións, despídese da retórica e amosa a súa intención de profundar na filosofía.
Certamente, Virxilio sae rumbo a Nápoles en torno ao ano 50 ou 49 a.n.e. para instruírse con Siro, filósofo epicúreo. A Roma daquel momento pasaba por un momento certamente complicado. As terras paternas en Mantua foron obxecto das confiscacións levadas a cabo a partir do 42 a.n.e., tras a batalla de Filipos, para poder satisfacer as esixencias dos veteranos do exército. Esta perda de patrimonio déixase entrever nas Bucólicas, obra datada entre o 42 e o 39 a.n.e. que consagrou a Virxilio como poeta e que lle abriu as portas dunha nova vida, da man da protección de Mecenas e do propio Augusto. A partir de entón, non terá que preocuparse por cuestións económicas e poderá levar ao máximo desenvolvemento o seu labor literario, lonxe da ruidosa Roma, nas terras de Nápoles. É precisamente neste contorno xeográfico onde o poeta dará forma a outras dúas obras de vital importancia para a historia da literatura: as Xeórxicas e a Eneida.
No ano 19 a.n.e., coa Eneida rematada e lista para recibir as últimas correccións, Virxilio decide viaxar a Grecia para poder ver en directo os lugares que describe na propia obra e así perfeccionar o seu poema. No mes de agosto chegou a Atenas, mais pronto emprendería o camiño de volta aproveitando que Augusto regresaba de Oriente; Virxilio estaba xa moi enfermo, e o 21 de setembro morreu en Bríndisi, cidade italiana da costa do Adriático. Os seus restos mortais foron levados a Nápoles, onde descansan até o día de hoxe.
Publicacións en Rinoceronte