Novelino

Anónimo

Novelino

ISBN: 978-84-936101-6-6

Nº páxinas: 114

Encadernación: Rústica con lapelas

Medidas: 145 x 220 mm

PVP: 14 €

Tradución do italiano medieval e notas de Moisés Barcia

Toda obra artística é filla do seu tempo, e no caso concreto da época medieval, os textos literarios tiñan que cumprir coa dualidade horaciana de ensinar e divertir conxuntamente. O Novelino como obra literaria medieval responde ben a estas premisas, pois buscaba entreter e divertir, pero sen esquecer a súa faceta didáctica. Non se trataba dun didactismo moralista ou relixioso, senón laico e pragmático. Respondía deste xeito a obra ás expectativas da sociedade toscana comunal, onde a nova clase emerxente, a burguesía precisaba dunha literatura en vulgar, axeitada á súa visión do mundo, fundamentalmente laica e vitalista, e que, ó mesmo tempo que motivo de diversión e de entretemento, ofrecese pautas de comportamento e modelos de conduta.

Estamos ante unha das primeiras obras en prosa elaboradas nun vulgar italiano, concretamente florentino, escrita a finais do século XIII, presumiblemente entre 1281 e 1300. Do seu autor ou autores nada sabemos que non sexa o deducido a través da propia obra, é dicir, unha posible filiación burguesa e unha presumible orixe florentina.

Con esta obra inaugúrase na literatura italiana un novo xénero narrativo, o conto profano, unha narración breve, modelada segundo o ideal retórico da brevitas, e que parte dun modelo xa preexistente como era o do exemplum, pero desvinculado da súa compoñente moralizante, e cun obxectivo principalmente lúdico, aínda que tamén é importante a compoñente didáctica cunha orientación utilitarista.

O conxunto dos contos presenta como denominador común a súa brevidade e o seu estilo lineal. Entre os protagonistas dos contos podemos atopar heroes do mito ou da historia antiga (Hércules, Rei Arturo, Sócrates), cabaleiros das sagas medievais (Lanzarote, Meliadús, Tristán, Merlín), reis bíblicos (David e Salomón, e ata o mesmo Deus) e históricos (Alexandre Magno, Traxano, Federico ii), ó lado de individuos medios, historicamente ben caracterizados e en absoluto idealizados, como o mestre Taddeo de Boloña, ou o florentino Migliore delli Abati. Por último, unha morea das persoas máis representativas dos estamentos máis populares e activos da vida cotiá florentina: xograres, xente da vila, mercadores, frades e confesores, mozos aprendices, etc., enchen as derradeiras páxinas do Novelino.

A súa laica exaltación do enxeño humano e do valor da intelixencia, o seu humor e o seu pragmatismo proporcionan unha lectura irónica e divertida.

CONTACTA CON NÓS

Se tes algo que contarnos, propoñernos ou compartir con nós, non o dubides e contacta.

a nosa oficina

avenida de vigo, 103, galerías

36940 - cangas do morrazo

teléfono

+34 986 168 028

+34 986 168 029