Libro de emblemas

TRADUCIÓN DO LATÍN, INTRODUCIÓN E NOTAS DE RAÚL GÓMEZ PATO

O Libro de Emblemas é unha obra fundamental para comprender a mentalidade do Renacemento e do Barroco, pois ofrece a clave de lectura de numerosas obras artísiticas e literarias destes períodos. No século XVI, influenciados polo legado pseudoexipcio, da tradición simbólica da Idade Media e da propia da mitoloxía clásica perfilouse unha nova linguaxe, a emblemática, ao que lle deu forma e contido o xurista e humanista Alciato. Destes emblemas fixéronse máis de 150 edicións, e foi tal o interese dos lectores e lectoras por este novo xénero literario que se publicaron máis de catro mil obras de emblemas desde o século XVI ao XVIII.

Estes emblemas están constituídos por un lema ou título, unha ilustración, e un epigrama que servía de glosa, comentario ou explicación do propio lema e da imaxe. Esta nova forma de arte conxunta de imaxes e epigramas creou un novo xénero artístico-literario no mundo occidental, chamados emblemas e reproducidos en edicións que contiñan coleccións de epigramas escritos polos autores dos propios libros e ilustrados con imaxes de afamados e virtuosos gravadores da época.

Os emblemas respondían a unha dobre tentativa; un fin didáctico, propio da estética do Renacemento e xeralmente aplicado á poesía, pero moi claro nos emblemas; e o desexo de combinar varias artes nunha expresión complexa. Con esta unión pódense ilustrar e exemplificar especulacións morais, científicas, relixiosas ou filosóficas, de modo que a palabra se fai imaxe, delineando con coidado e detalle calquera cousa que o autor quixese.

Podes ler as primeiras páxinas do libro aquí.

Esta obra recibiu unha axuda da Secretaría Xeral de Cultura, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, na convocatoria de axudas para a tradución do ano 2018.

ISBN: 978-84-17388-22-5
Nº páxinas: 194
Encadernación: Rústica con lapelas
Medidas: 145 x 220 mm
PVP: 16 €