DIÁLOGOS DE MORTOS. DIÁLOGOS MARIÑOS

TRADUCIÓN DO GREGO ANTIGO DE TERESA AMADO

Diálogos de mortos trasládanos ao Hades, onde comparten espazo personaxes históricos, heroes mitolóxicos e xentes descoñecidas que responden á caracterización de tipos: avarentos, parasitos ou cazafortunas. Alí constátase a incuestionable realidade de que a morte iguala a todos; no máis alá desaparecen as diferenzas que marcan a fortuna, a posición social ou as calidades persoais e só quedan caveiras e ósos pelados, evidencia da inutilidade dos traballos pasados en vida. Os máis dos humanos non son conscientes disto e pretenden reproducir os seus esquemas vitais na existencia post mortem. Ao instruílos as divindades infernais nas leis que funcionan alí, xorde un sentimento de perplexidade e ás veces unha rebeldía que dura pouco, e os mortos, outrora privilexiados, comezan a súa dura adaptación a unha realidade sen ningunha das prebendas anteriores.

En Diálogos mariños, os interlocutores son divindades vencelladas ás augas, ninfas, tritóns e por suposto Posidón, cuxas historias tradicionais se manipulan de xeito cómico. Céntranse case todos nas aventuras amorosas, e destacan os aspectos máis ridículos nun ton amable e lixeiro, sen crítica, como unha rexouba inocente de amigos nun ambiente bucólico que quere arrincar un sorriso.

Podes ler as primeiras páxinas do libro aquí.

Esta obra recibiu unha axuda da Secretaría Xeral de Cultura, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, na convocatoria de axudas para a tradución do ano 2016.

ISBN: 978-84-92866-84-7
Nº páxinas: 152
Encadernación: Rústica con lapelas
Medidas: 145 x 220 mm
PVP: 15 €