autores

Here's What We Do Better

OS NOSOS AUTORES

Hainos de América, Asia, Europa e Oceanía. Escribiron en decenas de linguas diferentes. Mulleres, homes, con Nobel ou sen el, hainos máis novos ou con máis experiencia. A algúns só os coñecen no seu país, outros son mundialmente famosos. Viviron diferentes épocas históricas. Pero todos acabaron no noso catálogo. Queres saber por que?

Chinua Achebe foi un novelista, poeta e crítico literario, que naceu no ano 1930 en Ogidi, unha vila de etnia ibo no sueste de Nixeria, e que forma parte da primeira xeración de intelectuais que foron educados na súa patria. Estudou Literatura na Universidade de Ibadan, e traballou durante anos na Radiotelevisión Nixeriana. Exerceu a docencia en varias universidades de Nixeria e os EUA. Traballou como profesor de Literatura no Bard College de Nova York ata o 2009. Faleceu en marzo de 2013. Chinua Achebe, que no ano 2007 recibiu o Man Booker International Prize pola súa carreira literaria, está considerado o pai e fundador da literatura africana moderna e un dos grandes escritores en lingua inglesa do s. XX.

 

A frecha de Deus

Xa non hai acougo

Todo se esfarela

Chimamanda Ngozi Adichie (Abba, Nixeria, 1977) pasou a maior parte da súa vida nun campus universitario, primeiro no seu país natal e logo nos Estados Unidos.

No 2003, mentres estudaba en Connecticut, publicou a súa primeira novela, O hibisco púrpuramoi ben acollida pola crítica. Por el recibiu non só o Premio Commonwealth Writer ao mellor libro dun autor novel, senón tamén o eloxio do seu admirado Chinua Achebe.

Despois virían Half of a Yellow Sun (2006), The Thing Around Your Neck (2009), Americanah (2013) e We Should All Be Feminists (2014), obras que a confirmaron como autora contemporánea de referencia.

 

O hibisco púrpura

Anna Akhmátova forma parte da brillante pléiade de poetas rusos que conforman o chamado “Século de Prata”, entre os que se atopan autores como Alexánder Blok, Innokenti Annenski e Nikolai Gumiliov, entre outros. Foi este último, primeiro marido da autora, o que impulsou o movemento acmeísta, vangarda coa que Akhmátova estivo vinculada no seus comezos, e que tiña como un dos seus principios básicos “escribir con palabras claras sobre asuntos reais”. En 1917, coincidindo coa Primeira Guerra Mundial e co inminente estalido da Revolución, Akhmátova, poeta xa recoñecida, decantarase cara a un maior compromiso civil. Mentres moitos dos seus contemporáneos optan pola emigración, ela decide ficar na súa terra e contar o que acontece, erixíndose así na “voz do pobo ruso”. Tras anos de silencio creativo escribe o seu “Réquiem”, extenso poema de extraordinaria forza, dedicado ás mulleres que nos anos de represión estalinista facían cola a carón do cárcere de Leningrado, para pasarlles paquetes aos familiares recluídos. Neses anos do terror estalinista e de censura feroz, Akhmátova queimará o manuscrito por medo ás represalias, e o poemario, que se conservou na memoria dunha ducia de amigos, non verá a luz en Rusia ata a segunda metade da década de 1980, en plena perestroika. Nos anos 40 Leningrado sofre o asedio alemán e Akhmátova é evacuada á cidade de Tashkent, onde redacta o seu longo “Poema sen heroe”, no que traballou máis de vinte anos, creando varias versións desta enigmática obra na que reconstrúe os anos da modernidade literaria de San Petersburgo. O dramático destino persoal de Anna Akhmátova viuse marcado polos grandes acontecementos históricos da época. O seu marido, Nikolai Gumiliov, foi acusado de participar nun complot antisoviético e fusilado. O seu único fillo, Lev, foi detido ata tres veces e pasará máis de 10 anos no gulag. A propia poeta foi expulsada dúas veces da Unión de Escritores Soviéticos.

 

Só o silencio me responde

Alaa Al Aswany (O Cairo, 1957) compaxina a literatura co exercicio da odontoloxía e co activismo a prol dos dereitos humanos. Membro fundador de Kefaya e intelectual de grande prestixio internacional, desempeñou un importante papel na oposición ao réxime político de Hosni Mubarak. En 2002, O edificio Yacoubian brindoulle un éxito sen precedentes, ao converterse na novela máis vendida en lingua árabe, traducida a máis de 30 idiomas e adaptada ao cine no ano 2006. Galardoado con premios internacionais, como o Bashrahil de novela árabe, o Cavafi ou o Grinzane Cavour, en 2007 publicou a novela Chicago, que describe a vida dos estudantes árabes nos Estados Unidos tras o 11-S.

 

O edificio Yacoubian

A Shalom Auslander (Monsey, New York, 1970) criárono cun terrible respecto por Deus. Na adolescencia seguiu crendo, e tal vez por iso comezou a provocar voluntaria e indiscriminadamente a cólera divina, moi similar á do seu propio pai. Nin sequera a súa estadía en Israel conseguiu devolvelo ao rego. Agora que é adulto e pai de familia, Auslander mantén a provocación mediante a escrita de ensaio e ficción.

O seu primeiro libro de relatos, Beware of God (2005), valeulle un gran recoñecemento crítico, igual ca Lamentacións dun prepucio (2010). Escribe artigos para The New Yorker, Esquire e The New York Times Magazine, entre outras publicacións. A súa última novela publicouse en 2012 co título Hope: A Tragedy.

 

Lamentacións dun prepucio

Alessandro Baricco naceu en Turín en 1958. Actualmente vive en Roma. É autor de cinco novelas (Castelli di rabbiaOceano mareSedaCitySenza sangueQuesta storia) dous textos teatrais (NovecentoDavila Roa) e dous libros de ensaio (Il genio in fugaL’anima di Hegel e le mucche del Wisconsin), ademais da adaptación Homero, Ilíada.

 

Seda

Julian Barnes (Leicester, Reino Unido, 1946) é un dos escritores máis recoñecidos da literatura británica contemporánea. Autor de dez novelas, entre as que se contan MetrolandFlaubert’s parrotEngland, England e Love Etc, tamén cultivou o relato curto (Cross Channel e The Lemon Table), así como o ensaio e o xornalismo (The pedant in the kitchenLetters from London). Chevalier das Artes e das Letras, é un profundo coñecedor da literatura francesa e tradutor de escritores como Daudet. En 2011 gañou o Premio Booker por O sentido dun final.

 

O sentido dun final

Alan Bennett (Leeds, 1934) é un autor difícil de clasificar, xa que a súa prolífica produción inclúe series e programas de televisión, guións para películas de cine, obras de teatro, xornalismo e, dende hai unha década, tamén prosa. Recoñecido mestre do monólogo en televisión, as súas series Un inglés no estranxeiro e Talking Heads atópanse entre os maiores logros da BBC británica de tódolos tempos. Como dramaturgo é autor de pezas teatrais moi celebradas, como Habeas CorpusKafka’s Dick ou A loucura do Rei Xurxo (levada posteriormente ó cine). Tamén realizou o guión da longametraxe Ábrete de orellas, dirixida por Stephen Frears, sobre a vida do dramaturgo Joe Orton.

 

Unha lectora fóra do común

Giovanni Boccaccio (Italia, 1313-1375), fillo dun mercader e banqueiro florentino, foi enviado a Nápoles, onde, ante a súa ineptitude para os negocios, adquiriu unha sólida formación literaria e ficou impresionado polo ambiente refinado e voluptuoso da corte dos Anjou. É neste contexto de intrigas cortesás no que se situaría posteriormente a súa obra mestra, O Decamerón. Tras escribir tres obras relevantes, vese obrigado a volver a Florencia a causa da quebra do banco dos Bardi. As penurias económicas non o afastaron do seu labor literario, senón que o achegaron ao ambiente picaresco dos mercaderes. A peste que infestou Florencia en 1348 levouno a escribir O Decamerón, cuxo éxito o catapultou a distintos cargos honoríficos, como o de embaixador en Aviñón e Roma. Sen resolver os seus problemas financeiros, retirouse a Certaldo, onde sufriu unha crise espiritual que o levou a renegar da súa obra e a dedicarse á meditación relixiosa. Perdeu a vida ao ano seguinte do falecemento do seu amigo Petrarca.

 

Decamerón

Joseph Boruwlaski (1739–1837) naceu nunha nobre familia polaca sumida na pobreza e, dende moi novo, foi protexido por diversas persoas acomodadas que se foron encargando da súa educación. A súa condición de anano marcou a súa vida e foi grazas a ela que percorreu as diversas cortes europeas do século XVIII e coñeceu varios dos máis importantes persoeiros da súa época, converténdose el mesmo en case unha celebridade. Pero a vida de Boruwlaski non xirou só arredor da súa condición física. Así, casou cunha dama de compañía da casa que o acollía e formou unha familia. Porén, ata unha idade moi avanzada seguiría viaxando polas diversas cortes do continente buscando manterse. Finalmente, lograría asegurarse unha pensión grazas á cal puido estabelecerse en Durham, onde ficaría ata a súa morte, á idade de 97 anos.

 

Memorias do famoso anano Joseph Boruwlaski

Karel Čapek (Malé Svetonovice, 1890 – Praga 1938) é un dos escritores checos máis sobranceiros do século XX. Tras estudar filosofía en Praga, Berlín e París, empezou traballando como bibliotecario e educador dun conde, para despois consagrarse á súa carreira de xornalista, escritor, dramaturgo e incluso director de teatro. A súa ampla obra abrangue moitos xéneros: contos para nenos, relatos de viaxes, literatura realista, filosofía, relatos fantásticos, obras teatrais e ficción científica, sendo este último xénero o que lle outorgou máis sona internacional. Caracteriza a súa obra o seu senlleiro sentido do humor, unha fina ironía e, en numerosas obras, unha voz que advirte dos perigos do totalitarismo e o incipiente fascismo que ameazaba a nova Checoslovaquia, como por exemplo en Bílá nemoc (a enfermidade branca), onde fala dun terrible mal contaxioso que se espalla rapidamente. Trata temas tan actuais como a mecanización do ser humano na sociedade industrial ou as armas de destrución de masas. Se hai algo fundamental na caracterización da súa obra é o seu dominio da lingua, o extenso vocabulario do que fai uso e a súa forza expresiva. Malia ser un dos máis grandes da literatura checa do século XX, o réxime comunista non recoñeceu a súa importancia. Pronunciouse en contra do fascismo alemán, pero tamén se distanciou dos comunistas, pois non cría na ditadura do proletariado como única forma de organizar a sociedade.

 

O ano do xardineiro

Ermanno Cavazzoni (Reggio Emilia, 1947) é profesor de poética e retórica na Universidade de Boloña, tradutor e autor de varios libros de narrativa, CirenaicaStoria naturale dei gigantiGli scrittori inutili e Guida agli animali fantastici. 

Colaborou con Federico Fellini na súa derradeira película, La voce della Luna, inspirada na novela Il poema dei lunatici, do propio Cavazzoni.

 

Vidas breves de idiotas

Nicolas Chamfort (Clermont-Ferrand, 1740-París, 1794) iniciou a súa carreira literaria na poesía e na comedia, representando algunhas das súas obras en varios países europeos, e formou parte da Academia Francesa a partir de 1781. En 1788 emprende a súa carreira política aliándose á causa revolucionaria. Debido á deriva violenta da Revolución, renega do seu pasado, da literatura e dos amigos, e abandona as súas posesións coa intención de conseguir unha especie de ascetismo social. Morre en 1794 debido ás infeccións producidas polas lesións que el mesmo se inflixira tentando suicidarse.

 

Produtos da civilización perfeccionada. I. Máximas e pensamentos. Pequenos diálogos filosóficos

Carlo Maria Cipolla (1922-2000) foi un historiador da economía italiano. Nacido en Pavía, e graduado na Universidade desa mesma cidade, aos 27 anos deu comezo a unha longa carreira académica en Italia que o levaría ao posto de catedrático na Universidade de California en Berkeley, e a ser admitido en varias academias de prestixio (Royal Historical Society, American Academy of Arts and Sciences, Accademia dei Lincei).

Cipolla foi unha autoridade recoñecida na historia económica, e traballou tamén na historia da tecnoloxía, a alfabetización e os sistemas sanitarios. Porén, un dos seus traballos máis divulgados é a breve análise económica, demográfica e histórica da estupidez humana que se recolle neste libro.

 

As leis fundamentais da estupidez humana

Sandra Cisneros naceu en Chicago en 1954, sendo a menor de sete irmáns homes. Na actualidade está considerada a mellor narradora chicana contemporánea, e o seu papel na literatura feminista é incuestionable. Comprometida de maneira destacada cos máis desfavorecidos do seu país e, por encima de todo, coa situación das mulleres, Cisneros describe cun estilo conmovedor a súa propia realidade e o complicado de atopar unha identidade e un lugar no mundo cando se é unha muller chicana.

 

A casa de Mango Street

Philippe Claudel naceu en 1962 en Dombasle-sur-Meuthe (Francia). No seu labor como docente, impartiu clases no ensino secundario e superior e tamén no cárcere. É autor de varias novelas, pero entre as súas obras figuran tamén relatos, guións de cine e televisión, ensaios e teatro. Entre outros galardóns, recibiu o premio Renaudot pola novela As almas grises e o Premio Goncourt des Lycéens por O informe Brodeck. É guionista e director da película Hai moito tempo que te quero, que obtivo o Cesar á mellor ópera prima no ano 2009.

 

A neta do señor Linh

As almas grises

Guy Delisle (Quebec, 1966) estudou artes plásticas en Sainte-Foy e Toronto. Comezou a súa carreira profesional en estudios de animación, que o levaron a traballar fóra do seu país. As súas experiencias como supervisor de animación en Asia servíronlle de base para dous álbums autobiográficos: Shenzhen (2001) e Pyongyang (2003).

As súas estadías en Asia e Oriente Medio, por mor do traballo da súa muller, retratounas en Crónicas birmanas (2007) e Crónicas de Xerusalén, premiado no Salón Internacional do Cómic de Angulema.

 

Pyongyang

Joël Egloff (Moselle, Francia, 1970) é guionista de cine e axudante de dirección audiovisual. En 1999 publicou a súa primeira novela, Edmond Ganglion & fils, coa que conseguiu o premio Alain-Fournier. Despois virían Os asollados e outras cinco novelas que o consagrarían como referente da narrativa francesa actual, de humor e de calidade.

 

Os asollados

William Erwin Eisner naceu o 6 de marzo de 1917 en Brooklyn, Nova York. Cando morreu, o 3 de xaneiro de 2005, debido a complicacións tras unha operación a corazón aberto, Eisner era recoñecido internacionalmente como un dos xigantes no campo da arte secuencial, termo cuñado por el. Nunha carreira que abarcou case setenta anos, foi o auténtico Orson Welles do cómic e o pai da novela gráfica. Innovou no desenvolvemento da narrativa e da linguaxe visual do cómic e foi o creador de The Spirit, John Law, Lady Luck, Mr Mystic, Tío Sam, Blackhawk, Sheena e moitos outros. Un dos máis prestixiosos premios da industria do cómic actual, o Premio Eisner, leva o seu nome. Recoñecidos como os Óscars do comic americano, os Eisners entréganse anualmente na maior convención de cómics dos Estados Unidos.

 

Contrato con Deus

Francis Scott Fitzgerald (1896-1940) é un dos integrantes da chamada Xeración Perdida americana, da que tamén forman parte novelistas como William Faulkner, John Steinbeck e Ernest Hemingway. En 1917 Fitzgerald enrolouse no exército, onde escribiu Neste lado do paraíso (1920), novela que o faría millonario. A súa vida estivo marcada polo seu matrimonio con Zelda Sayre, unha “top girl”, segundo expresión do propio Fitzgerald, amante do luxo e da alta sociedade. Ela sería a súa inspiración para crear todas as mozas douradas que aparecen nas súas novelas Fermosos e malditos (1922), O Gran Gatsby (1925) e Suave é a noite (1934).

 

Contos da era do jazz

Helen Garner naceu en 1942 en Geelong (Australia). Despois de estudar na Universidade de Melbourne exerceu a docencia no ensino secundario ata 1972, cando a despediron por contestar as preguntas do seu alumnado no referente ao sexo. Daquela comezou a traballar como redactora para gañar a vida.

A súa primeira novela, Monkey Grip (1977), gañou o National Book Council Award, e foi levada ao cine en 1981. Dende entón publicou novelas, relatos, ensaios e artigos xornalísticos. Ademais escribiu o guión da película The Last Days of Chez Nous (1990). En 2006 recibiu o Premio Melbourne de Literatura. A súa novela O cuarto de invitados gañou o Premio Literario Victorian Premier, o Premio Queensland Premier e o Premio Barbara Jefferis, e foi traducida a varias linguas.

 

O cuarto de invitados

Mark Haddon (Northampton, Reino Unido, 1963), vive en Oxford e é escritor, ilustrador e guionista. Licenciado en Literatura Inglesa e autor de quince libros para nenos, gañou dúas veces os prestixiosos premios BAFTA da Academia Inglesa de Cine e Televisión. Haddon traballou durante un tempo con persoas que padecían discapacidades físicas e mentais, e adquiriu o coñecemento sobre o autismo que despois aplicaría con grande acerto no seu primeiro libro para adultos. O curioso incidente do can á media noite foi acollido con grande éxito en todos os países nos que se publicou (xa en 35 idiomas), e obtivo premios como o Whitbread ou o da Commonwealth.

 

O curioso incidente do can á media noite

Fleur Jaeggy (Zürich, 1940) pasou a súa infancia e adolescencia nunha sucesión de internados femininos entre Suíza e Roma. En 1968 instálase en Milán e publica a súa primeira novela Il dito in bocca. Agás a súa brillante incursión no teatro con Un tram che si chiama Tallulah (1975), a súa obra de creación céntrase na narrativa: L’angelo custode (1971), Le statue d’acqua (1980) e La paura del cielo (1994). A súa novela Proleterka (2001) é premiada co galardón Viareggio 2002 e elixida o libro do ano por Susan Sontag nas páxinas do Times Literary Supplement en 2003.

Jaeggy combina a súa actividade literaria con traducións e estudos sobre John Keats, Marcel Schwob e Thomas De Quincey, a cuxos retratos consagra a súa obra máis recente, Vite congetturali (2009). Na súa produción apréciase tamén a influencia de autores como Robert Walser, Ingeborg Bachmann e Thomas Bernhardt, así como a pegada da literatura mística e sapiencial de Occidente e Oriente.

 

Os ditosos anos do castigo

Konstantinos Petrou Kavafis naceu e morreu en Alexandría (Exipto), cidade da que só se ausentou durante dúas estancias en Inglaterra e en Constantinopla. Visitou Grecia só en dúas ocasións, mais Grecia foi, de certo, a patria do seu corazón, e o grego, a súa lingua poética.

Pode dicirse que a súa poesía foi unha composición en tres tempos. O primeiro, en Alexandría, onde, xa adolescente, comezou a estudar o grego, lingua que dominaba e na que escribiu a maior parte da súa produción lírica. O segundo, en Constantinopla: reflectido na súa obra como obsesión e desexo atormentado, flutuante entre a aceptación e o rexeitamento da súa homosexualidade. O terceiro, durante a súa etapa de madurez e de creación propiamente dita, a cabalo entre Alexandría e o continente europeo. Foi nestes anos cando se definiu o seu carácter heleno, o seu estilo sinxelo e a súa linguaxe, estraña mestura na que predomina o demótico, feito que lle valeu as críticas dalgúns literatos gregos moi coñecidos e coetáneos do poeta.
Non obstante, foi a orientación sexual da súa temática amorosa o que relegou ao poeta a un segundo plano, case ao esquecemento, até ser rescatado pola crítica internacional a mediados do século xx e restituído ao lugar que lle correspondía: entre os grandes da literatura grega contemporánea.

Kavafis dedicouse a traballos de funcionario que apenas lle permitían subsistir. Publicou pouco en vida, mais preocupouse grandemente pola súa obra, sobre a que volvía unha e outra vez para corrixir, cambiar ou suprimir fragmentos. Estaba obsesionado coa calidade literaria e lingüística dos seus versos, como testemuñan os numerosos borradores que se conservaron dalgúns dos seus poemas.

A súa poesía fala de sentimentos, de amor prohibido, de amor non correspondido, de amor á beleza, da beleza mesma, da vida e da morte e do medo a ambas. Todo isto nun contexto social e urbano que reflicte a decadencia de Asia en Europa en cada poema coma se fose unha postal: un presente subxugado fronte a un pasado glorioso. Ademais, en cada postal está presente a súa preocupación polo mundano: o diñeiro, o desexo de fuxir da rutina gris e o paso do tempo e a perda da xuventude… Todo isto, omnipresente na súa vida.

 

Poemas canónicos

Hiromi Kawakami (Toquio, 1958) é unha das escritoras máis populares e respectadas do seu país, amais de crítica literaria e ensaísta. Formada no eido das ciencias, a súa vida como profesora de Bioloxía mudou a partir da publicación do seu primeiro libro en 1994: unha colección de relatos titulada Kamisama. Dende entón, colleitou os maiores recoñecementos literarios do Xapón: o Premio Akutagawa en 1996; o Premio Ito Sei e o Woman Writer’s no ano 2000, e o Premio Tanizaki no 2001 por O maletín do mestre, obra da que existe versión manga e cinematográfica.

 

O maletín do mestre

Aleksis Kivi (Nurmijärvi, Finlandia, 1834-1872) foi un dos primeiros e mellores autores de prosa e lírica en finlandés, nun tempo no que a maioría da literatura do seu país procedía de autores suecofalantes. En 1846 trasladouse a Helsinki, e máis tarde estudou literatura na universidade da capital. A súa carreira literaria arrancou con Kullervo (1864), unha obra baseada no clásico Kalevala. En total, publicou doce pezas dramáticas e unha colección de poemas.

A súa única novela, Os sete irmáns (1870), levoulle dez anos de traballo, e daquela foi considerada demasiado vulgar. Estas críticas arrastrárono a un desequilibrio mental, que o levou á morte. Na actualidade, a data de nacemento de Aleksis Kivi serve para conmemorar o Día da Literatura Finesa.

 

Os sete irmáns

Dezső Kosztolányi (1885-1936) foi poeta, ensaísta, narrador e tradutor (entre outros, de Shakespeare, Wilde, Rilke, Goethe, Baudelaire, Verlaine e Maupassant). Publicou cinco libros de poemas, catro novelas e dous volumes de relatos, dos que proceden os contos aquí escolmados.

Kosztolányi é o grande escritor húngaro do século XX e probablemente un dos máis influentes de Centroeuropa. Mestre dos seus compatriotas Sándor Márai e Péter Esterházy, influíu fondamente no iugoslavo Danilo Kis. Tradutor, xornalista á par que frutífero escritor, anovou a literatura húngara dotándoa dunha gran carga irónica, creando personaxes que son parte do imaxinario colectivo do seu país.

 

O tradutor cleptómano

Cotovía

O éxito inmediato da novela Tango satánico (1985) sitúa a László Krasznahorkai (Gyula, 1954) na primeira liña da literatura húngara. Seguindo a súa primeira saída da Hungría comunista en 1987 a Berlín Oeste, e tras o cambio de réxime, reside en países tan dispares como Francia, os Estados Unidos, España, China, Grecia ou Xapón, e volve con frecuencia a Berlín e a Hungría.

Varias das obras do recoñecido realizador Béla Tarr están baseadas na literatura de Krasznahorkai (Tango satánicoO cabalo de Turín e As harmonías de Werckmeister –esta última versiona a aclamada Melancolía da resistencia–), quen, ademais de escribir os guións, asiste o director nas decisións transcendentes.

As súas obras, traducidas a numerosas linguas, reciben críticas entusiastas en todo o mundo. En palabras de Susan Sontag, Krasznahorkai é o “mestre húngaro contemporáneo da apocalipse, que inspira comparación con Gogol e Melville”. Krasznahorkai recibiu prestixiosos premios, como o Kossuth en Hungría, o Berlin-Brücke en Alemaña e o America Award in Literature en 2014, ademais de ser nominado en varias ocasións ao Nobel de Literatura.

 

Ao norte unha montaña, ao sur un lago, ao oeste uns camiños, ao leste un río

Agota Kristof naceu en 1935 en Csikvánd, Hungría. En 1956 exiliouse a Suíza, onde traballou como obreira nunha fábrica antes de comezar a escribir en francés, a súa lingua de adopción. Autora de pezas de teatro que se estreaban en cafés ou se retransmitían pola radio, coñeceu o éxito coa súa primeira novela, O gran caderno, publicada en 1987, e que con A proba e A terceira mentira forma parte dunha triloxía traducida a máis de trinta linguas. Na súa cuarta novela, Onte, publicada en 1995, recrea, coma no resto da súa obra, cun estilo seco e sen circunloquios, un mundo marcado pola migración forzosa e a ausencia de esperanza.

 

Onte

Compilador.

 

Kalevala

Thomas Mann (Lübeck, 1875 – Zúrich, 1955) foi unha das figuras centrais da Alemaña do século XX, unha persoa complexa, un artista sen apenas parangón e un burgués atípico sen cuxa peripecia –a dun conservador que evolucionou, tras a Gran Guerra, cara á socialdemocracia e o antifascismo– os europeos dificilmente darían entendido o seu devir.

Mentres reprimía a súa homosexualidade, Thomas Mann fundou unha familia –na cal destacarían os fillos Erika, Klaus e Golo– e escribiu unha impresionante obra literaria, merecedora do Premio Nobel de Literatura (1929): Os BuddenbrookAlteza realA montaña máxicaO doutor Faustus, Confesións do estafador Felix Krull.

 

A morte en Venecia

Katherine Mansfield Beauchamp (Wellington, 1888 – Fontainebleau, Francia, 1923) é a autora neocelandesa máis internacional. Escribiu relatos, poesía, diarios e críticas. Foi unha rebelde que viviu intensamente os seus 34 anos, nunha época en que os roles de xénero experimentaron un cambio radical.

En 1911 publicou a súa primeira escolma de contos, In a German Pension. A morte do seu irmán menor, Leslie, na Primeira Guerra Mundial, devastouna e atopou consolo na lembranza da infancia no seu país. Estes recordos transformáronse nalgúns dos seus mellores relatos, como “Na baía” ou “Festa no xardín”. Na súa etapa máis prolífica enfermou de tuberculose. Neste periodo publicou dúas coleccións de relatos: Bliss (1920) e Festa no xardín (1922). A maior parte da súa obra viu a luz postumamente.

 

Festa no xardín

Sándor Márai naceu en 1900 na cidade húngara de Kassa (actualmente Kosice, Eslovaquia). De familia burguesa, en 1918, trasládase a Budapest e despois a París e Alemaña, onde estuda xornalismo. Tras a ocupación soviética de Hungría, abandona definitivamente o seu país, onde o réxime comunista asfixia a súa obra, e inicia o seu exilio por diferentes países europeos, sempre en precarias condicións económicas. En Estados Unidos continúa o seu labor literario en húngaro, que é publicado por unha pequena editorial da comunidade de emigrantes húngaros en Toronto. Marcado polo trauma da separación da súa patria e a morte da súa muller e o seu único fillo, Sándor Márai suicidouse en 1989 en San Diego, California, pouco antes de que a súa obra fose descuberta para o gran público por unha editorial italiana. Nunha ocasión, vendo como se desintegraba a clase media húngara na que el se criara, manifestou: “se cadra a única obriga da miña vida e o meu traballo coma escritor é elaborar o proceso desa desintegración”.

 

Herbario

Diego Marani naceu en Ferrara (Italia) en 1959. Traballa como unha columna para un xornal suízo sobre a actualidade en europanto, unha lingua que el mesmo inventou. Neste mesmo idioma publicou unha colección de relatos: Las adventures des inspector Cabillot. Ten publicadas oito novelas en italiano.Nova gramática finesa (2000) é a primeira dunha triloxía, seguida de L’ultimo dei Vostiachi (2001) eL’interprete(2004). A súa última novela é Lavorare manca (2014).

 

Nova gramática finesa

Stefano Marelli (1970) é un escritor e xornalista suízo. Traballou nunha gasolineira, de caseiro e de xornalista. Entre un emprego e outro, permitiuse un longo período de vagabundaxe en América Latina.

Debutou na literatura no 2013 coa novela Outras estrelas uruguaias, aclamada pola crítica como unha obra mestra. Entre os premios recibidos polo autor grazas a este libro atópanse o Parole nel vento (2012), Un libro per lo sport (2013), e unha mención especial ao premio literario do CONI (Comité Olímpico Nacional Italiano).

No 2014 publica a escolma de relatos Pezzi da 90, stori mundiali.

 

Outras estrelas uruguaias

Scott McCloud (Massachussetts, 1960) leva dende os 24 anos achegando aire fresco á banda deseñada estadounidense. Xa daquela, nunha época dominada polos cómics violentos e escuros, estreouse coa colorida Zot!, unha das primeiras obras influenciadas polo manga xaponés no seu país e protagonizada por un heroe procedente dun mundo paralelo no que se materializaron os vaticinios optimistas imaxinados nos séculos XIX e XX. Máis tarde chegaría Destroy!, unha parodia das escenas de pelexa dos comics de superheroes, e The new adventures of Abraham Lincoln. Posteriormente destacou coas súas achegas teóricas no eido da banda deseñada. O seu interese por explorar as posibilidades da novena arte levouno a inventar o “cómic en 24 horas” ou o termo “lenzo infinito”, que aproveita as posibilidades da web para liberar as obras dos límites da páxina.

 

Entender o cómic

Carson McCullers (Columbus, Georgia 1917 – Nyack, Nova York 1967) é considerada unha das voces máis importantes da literatura norteamericana do século XX. Con 22 anos escribe a súa primeira novela, The heart is a lonely hunter, que é tamén a súa obra máis coñecida e que, canda Reflections in a golden eyeThe member of the wedding e The ballad of the sad café, foi levada ao cine posteriormente. Faleceu no ano 1967, despois de recibir o último dos seus galardóns, o Henry Bellamann Award, que recoñecía a súa “excepcional contribución á literatura.”

McCullers foi pioneira en tratar temas como a homosexualidade, o racismo, o adulterio ou o alcolismo, e converteuse na gran retratista do sur profundo dos EUA.

 

A balada do café triste

Caitlin Moran (Brighton, 1975) é a maior de oito irmáns e comeza a ler libros feministas para demostrarlle cientificamente ao seu irmán Eddie que é superior a el. Aos quince anos escribe o seu primeiro libro e fai os seus primeiros amigos; aos dezaseis anos comeza a traballar na redacción da revista Melody Maker e aos dezaoito convértese en columnista de The Times.

En 2010 recibe o premio á mellor columnista do ano e, máis tarde, á mellor crítica e mellor entrevistadora. Con milleiros de seguidores nas redes sociais, Caitlin Moran é unha personaxe de culto, da que incluso fixeron un moneco de Lego.

 

Como ser muller

Christopher Morley naceu en 1890 en Bryn Mawr (Pensilvania). O seu pai era profesor de matemáticas e a súa nai, unha violinista que lle inculcou o amor pola literatura e a poesía. Morley comezou a escribir na universidade, colaborando no seu xornal e creando guións para o obradoiro de teatro. Publicou a súa primeira antoloxía, The Eighth Sin, en 1912, un ano antes de graduarse, e a súa primeira novela, O Parnaso sobre rodas, en 1917.

Morley escribiu máis de 100 novelas, ensaios e antoloxías, aínda que, probablemente, sexa máis coñecido por Kitty Foyle (1939), obra que se adaptou ao cine e gañou un Oscar á mellor actriz.

 

O Parnaso sobre rodas

Soseki Natsume, pseudónimo literario de Kinnosuke Natsume, naceu en 1867 no seo dunha familia de samurais en decadencia. Cando tiña dous anos, os seus pais dérono en adopción a un dos seus serventes. Estudou lingua inglesa na Universidade de Toquio e tras graduarse comezou a traballar como mestre. En 1900 estableceuse en Inglaterra cunha bolsa do goberno xaponés, pero levou unha vida de miseria. Á súa volta ao Xapón, deu clases na universidade e comezou a publicar novelas: Eu, o gato, A torre de Londres e Botchan, obra que o levaría á fama. Escribiu catorce novelas ao longo da súa vida.

 

Botchan

Flann O’Brien é un dos moitos pseudónimos empregados por Brian O’Nolan, autor irlandés nacido no ano 1911 en Strabane, condado de Tyrone. Estudou literatura celta en Dublín e escribiu columnas para varios xornais, tanto en inglés como en irlandés, baixo varios heterónimos, como, por exemplo, Myles na gCopaleen, o mesmo que empregou para An béal bocht (A boca pobre) en 1941.

As obras de O’Brien caracterízanse pola sátira, o humor, o absurdo e a ruptura da fronteira entre ficción e realidade, elementos que emprega con efectividade para retratar a sociedade da época. Faleceu en Dublín en 1966.

 

A boca pobre

Sofi Oksanen (Jyväskylä, Finlandia, 1977) estudou arte dramática na Academia de Teatro de Helsinki. Debutou en literatura con As vacas de Stalin e Baby Jane, dúas novelas que obtiveron un sonoro éxito no seu país. A súa carreira adquiriu unha dimensión internacional grazas a Purga, unha historia concibida inicialmente como peza dramática e que foi representada con grande éxito en Helsinki en 2007. Xa convertida en novela, Purga acadou nestes últimos anos premios tan prestixiosos como o de Literatura do Consello Nórdico, o Premio Fémina de Francia e o Premio á mellor novela europea do ano.

 

Purga

Kristín Ómarsdóttir (Reykjavík, 1962) estudou literatura e español na Universidade de Islandia. Actualmente vive na capital islandesa.

Ómarsdóttir toca todos os xéneros literarios. Comezou publicando poesía en 1987 con Í húsinu okkar er floka e cinco anos despois publicaría a súa primeira novela, Svartir brú›arkjólar.

As súas obras recibiron varios premios, como o Premio Nacional de Teatro por Draumar á hvolfi. Por Meu amor, eu morro e outras dúas novelas súas foi nominada ao Premio de Literatura Islandesa, mentres que a obra Ástarsaga 3 foi nominada ao Premio do Consello Nórdico de textos dramáticos. As súas últimas novelas, Hér (traducida ao inglés como Children in Reindeer Woods) (2011) e Milla (2012) chegaron tamén ao mercado norteamericano.

 

Meu amor, eu morro

Publio Ovidio Nasón (Sulmona, actual Italia, 43 a.C. – Tomis, actual Constanza, 17 d.C.) foi un poeta latino. Educado nas artes da política, estudou en Roma e completou a súa formación en diversas cidades do mundo grego, pero abandonou a política para dedicarse por completo á poesía, tras herdar a facenda do seu pai.

Tivo numerosas amantes e casou tres veces (con dous divorcios), experiencias que lle servirían para escribir boa parte da súa obra, como Arte de amar. Esta é unha das súas obras máis coñecidas, xunto con As metamorfoses, nas que recolle relatos mitolóxicos do mundo grego adaptados á cultura latina da época.

 

Arte de amar. Remedios do amor

Arto Paasilinna (Kittilä, Finlandia, 1942) foi gardabosques, xornalista e poeta antes de converterse en novelista de culto no seu país, onde cada novo libro seu (xa máis de trinta) se vende por milleiros. A súa escrita, limpa e precisa, ten a capacidade de contar de forma cómica as historias máis tráxicas e desconcertantes, que ambienta sempre nunha natureza vista con respecto e amor, e protagonizadas polos seus prototipos de homes finlandeses, algo anárquicos e individualistas. Traducido xa a decenas de linguas, O bosque dos raposos aforcados é o primeiro libro que se verte do finlandés ao galego.

 

O bosque dos raposos aforcados

O muiñeiro ouveador

Cesare Pavese (1908-1950) foi un dos autores italianos máis importantes do século XX. Nado nunha familia pequeno burguesa de orixe labrega, tivo entre os seus mestres a Augusto Monti, figura do ambiente antifascista turinés e amigo de Antonio Gramsci. Licenciouse cunha tese sobre Walt Whitman, e traduciu entre outros a Melville, Gertrude Stein, Steinbeck ou Hemingway. O seu activismo no mundo cultural italiano levouno a participar na fundación da editorial Einaudi, na que traballou de editor. Vítima de constantes depresións e dunha soidade interior que trataría de vencer ao longo de toda a súa vida, Cesare Pavese suicidouse o 27 de agosto de 1950 nun hotel de Turín, deixando a seguinte despedida: “Perdoo a todos e a todos pido perdón. De acordo? Non murmuredes moito”.

 

Poesías do desamor

John Stauffer Potter (1924-2014) viviu como un auténtico aventureiro dende o seu nacemento. Pasou a súa xuventude entre a China e os Estados Unidos, período que describe no seu libro My firtst nine lives. O traballo levouno, ademais de á China, a Corea do Sur, Singapur e Malaisia. Xa en Europa, viaxou a España para aprender mergullo e ficou fascinado pola idea de recuperar tesouros afundidos. Este libro relata o seu intento de rescatar o tesouro da Batalla de Rande.

 

Tras o rastro do Santo Cristo de Maracaibo

Atiq Rahimi é un escritor e cineasta nacido en Afganistán en 1962. Estudou no Liceo franco-afgán de Kabul, a súa cidade natal, onde tamén cursou estudos de literatura na universidade. Nos anos 80 saíu do seu país por mor da guerra e refuxiouse en Paquistán. Posteriormente pediu asilo político en Francia, onde obtivo o doutoramento de comunicación audiovisual da Sorbona. Na actualidade vive e traballa en París. É tamén autor de dúas novelas en persa. Pola adaptación cinematográfica dunha delas, Terra e cinzas, foi premiado en 2004 no Festival de Cannes.

 

Sangué sabur

Morten Ramsland (Københaven, 1971) licenciouse en Historia da Arte e Literatura Danesa na Universidade de Århus. Debutou como escritor en 1993, cunha colección de poemas. Dende aquela publicou unha novela (Akaciedrømme, 1998) e varios libros infantís, pero foi con Cabeza de can (2005), a súa segunda novela, coa que colleitou un grande éxito de crítica e público.

Comparada con obras do talle de Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez, ou O mundo segundo Garp, de John Irving, esta novela reportoulle os galardóns máis importantes da literatura danesa, como o Premio ao Autor do Ano, Libro do Ano e o Golden Laurel, concedido polas librerías do seu país. Cabeza de can traduciuse xa a unha vintena de idiomas.

 

Cabeza de can

Joe Sacco (Malta, 1960) graduouse en Xornalismo na universidade de Oregón. A súa novela gráfica Palestina, sobre os Territorios Ocupados, gañou o American Book Award en 1996. Máis tarde, con Goražde, zona segura, sobre Bosnia, foi galardoado co Will Eisner por Mellor Novela Gráfica Orixinal en 2001. Sacco tamén contribuíu con tiras de xornalismo gráfico para Details, a revista Time e Harper’s. A finais do 2009 publicouse o seu libro máis recente, Footnotes in Gaza, unha secuela de Palestina.

 

Palestina

Goražde, zona segura

Luciano de Samósata naceu arredor do ano 120 da nosa era na cidade comercial de Samósata, á beira do río Éufrates. Viviu nunha época dourada do Imperio romano, tanto no que respecta á paz e prosperidade comercial, como no eido da cultura. Luciano foi contemporáneo do emperador Marco Aurelio e do novelista latino Apuleio; viaxou moito por Asia Menor, Palestina e a Galia, e coñecía Atenas e Roma. Conservamos unhas 80 obras súas, case todas de breve extensión, variada temática e diversos xéneros (sátiras, diálogos, novelas curtas, discursos…). É un dos autores máis enxeñosos e agudos do seu tempo.

 

Relatos verídicos

Diálogos de mortos. Diálogos mariños

Marjane Satrapi (Rasht, Irán, 1969) medrou nunha familia liberal. Coa caída do Shah e a revolución islamista, foi enviada a Viena para estudar no Liceo Francés. Á súa volta, licenciouse en Comunicación Visual. Marchou a Estrasburgo e posteriormente a París, onde vive actualmente e onde comezou a publicar. A súa autobiografía en cadriños, Persépole, adaptada tamén ao cine de animación, converteuse nun best-seller internacional, gañador de numerosos premios. É autora tamén de varios libros infantís e colaboradora en revistas e xornais como The New York Times e The New Yorker.

 

Persépole

Branimir Šćepanović (1937) está considerado como un dos grandes autores da literatura serbia contemporánea. Entre as súas novelas destacan O verán da vergonza (2008) e A morte do señor Goluja (1978) levada ao cine baixo o título Julian Po. Šćepanović tamén é o autor dos guións cinematográficos das películas O tempo dos leopardosPre Istine e o drama bélico Sutjeska, protagonizado en 1973 por Richard Burton.

 

A boca chea de terra

Ousmane Sembène (1923-2007) figura entre os grandes nomes da literatura e o cine africano. Naceu en Senegal, loitou en Europa durante a II Guerra Mundial e posteriormente traballou en Francia como mecánico, estibador e albanel nos anos 50. Nesa época comezou a súa actividade política como militante comunista e publicou O estibador negro, a súa primeira novela. Interesouse polo cine coa intención de chegar a un público máis amplo, viaxou a Moscova para aprender dirección no Estudio Gorki, e despois de varias curtametraxes dirixiu en 1966 A negra de…, primeira longametraxe africana.

 

O xiro postal

Mary Ann Shaffer (1934 – 2008) foi unha escritora, editora e libreira estadounidense. A súa primeira novela, A Sociedade Literaria e do Pastel de Pel de Pataca de Guernsey, obtivo un grande éxito.

Pola súa banda, Annie Barrows (California, 1962) é autora da serie infantil Ivy and Bean, así como de The Magic HalfMagic in the Mix e The Truth According To Us, e colaborou coa súa tía Mary Ann Shaffer nesta novela.

 

A sociedade literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey

Sigurjón Birgir Sigurðsson (Reykjavík,1962), máis coñecido polo sobrenome de Sjón, é un dos autores máis coñecidos e consagrados da literatura islandesa contemporánea. Polifacético e multidisciplinar, comezou a súa carreira literaria co libro de poemas Sýnir (‘Visións’) aos 16 anos e foi un dos fundadores do grupo neosurrealista Medúsa en 1979, converténdose dende moi novo nunha das figuras máis innovadoras do panorama intelectual.

Internacionalmente é máis coñecido por compoñer a letra dalgunhas das cancións máis emblemáticas da cantante Björk, entre elas o tema “Oceania”, realizado para a apertura dos Xogos Olímpicos de Atenas, e por ser coautor da banda sonora do filme Dancer in the Dark, de Lars von Trier.

 

O rapaz que nunca existiu

Aleksandr Solzhenitsyn (1918-2008), Premio Nobel de Literatura en 1970, foi un dos escritores rusos clave do século XX. De orixe humilde, na súa mocidade non cuestionou a ideoloxía soviética. Serviu como oficial do Exército Vermello, ata que foi arrestado en febreiro de 1945 por criticar a Stalin nalgunhas das súas cartas. Os once anos nos campos de traballos forzados e no desterro cambiaron profundamente a súa maneira de mirar o mundo. Ao retornar, loitou por romper o tabú da represión stalinista e converteuse nun dos disidentes máis destacados da Unión Soviética. Nas obras Un día na vida de Iván Denísovich e A choza de Matriona Solzhenitsyn opuxo os valores da xente do común á brutalidade do réxime. Despois da publicación en occidente da súa obra magna sobre os campos de traballos forzados soviéticos, Arquipélago Gulag, foi privado da cidadanía soviética e deportado en 1974.

 

Un día na vida de Iván Denísovich

Art Spiegelman é editor e artista para o The New Yorker, así como cofundador e editor da revista de cómic de vangarda Raw. Os seus debuxos exhíbense en museos e galerías de todo o mundo. Por Maus recibiu numerosos e prestixiosos premios, como o Pulitzer ou o Eisner. Vive en Nova York.

 

Maus

De verdadeiro nome Aron Hector Schmitz, Italo Svevo naceu en Trieste en 1861, cando a cidade pertencía ó imperio austrohúngaro. En 1892 publicou a súa primeira novela, titulada Unha vida. Tras casar cunha prima súa en 1896, comezou a colaborar en distintos xornais, e publicou por entregas nun deles a súa segunda novela, Senectude (1898). A obra, publicada despois polo propio autor, acadou unha escasa repercusión e Svevo abandonou por completo a literatura para dedicarse exclusivamente ó comercio. En 1907 coñeceu a James Joyce, daquela exiliado en Trieste, e entre ambos os dous nacería unha fonda amizade. Volveu á literatura en 1919, ano no que comeza a escribir a súa terceira novela, A conciencia de Zeno, considerada como unha das obras mestras do século XX. Morreu en 1928.

 

Senectude

Junichiro Tanizaki (1886-1965) é un dos máis destacados escritores xaponeses do século XX. Influído polas lecturas de Poe, Baudelaire e Óscar Wilde, os seus primeiros escritos fixéronse célebres pola descrición metafórica do mundo dos sentidos e o desexo carnal. O seu estilo neorromántico, de elegancia serena e refinada, chegou ó cumio na súa obra A neve tenue, que escribiu ó longo de moitos anos. Froito das obsesións sexuais que o acompañaron durante toda a súa vida escribiu Hai quen prefire as ortigasA chave ou Diario dun ancián tolo, que o converteron nun mestre do erotismo levado ó límite do incumprimento.

 

Eloxio da sombra

Teofrasto é o nome polo que se coñece a Tírtamo en Éreso, nado na illa de Lesbos entre o 372 e o 370 a.C. e falecido entre o 288 e o 286 a.C.

Criouse no seo dunha familia relativamente acomodada. Iso permitiu que recibise unha esmerada educación. A súa estreita relación con Aristóteles lévao a converterse nun dos seus máis brillantes discípulos e no seu sucesor á fronte do Liceo. Foi o propio Aristóteles quen lle deu o sobrenome de Teofrasto (que significa “o que fala coma os deuses”) como recoñecemento aos seus excepcionais dotes para a elocuencia, cualificados polo autor da Poética de “divinos”. 

Teofrasto escribiu –segundo varias fontes– máis de douscentos títulos sobre as máis diversas cuestións. Desafortunadamente, desta inxente produción só conservamos os seus tratados sobre botánica Historia das plantas (Περὶ φυτικῶν ἱστοριῶν) e Sobre as orixes das plantas (Περὶ φυτικῶν αἰτιῶν), Caracteres (Ἠθικοὶ χαρακτῆρες), e case douscentos fragmentos de distinta procedencia e extensión.

 

Caracteres

O estadounidense Jim Thompson (Oklahoma 1906 – California 1977) foi novelista, xornalista e guionista. Na década de 1950 gañou certo renome no circuíto da novela negra, mais foi a súa unha fama pasaxeira e restrinxida. A finais do século XX, porén, comezou a reivindicarse a súa obra polo seu valor literario intrínseco, que transcendía os límites do xénero negro. Nas obras amenas e de logrado suspense que os lectores orixinais souberan apreciar decontado, a crítica redescubriu profundidade de pensamento, maxistrais retratos psicosociais e un coñecemento da técnica narrativa e xornalística que lle permitía a Thompson experimentar e innovar con ousadía. Fillo dun shériff rural defenestrado por ludópata, familiarizado desde a adolescencia coas miserias ocultas da sociedade «normal» (traballou de mozo de hotel en plena Lei Seca), de vida sempre inestable, alcohólico ata o final, Thompson soubo observar con agudeza e retratar con mestría.

 

Pob. 1280

O asasino que hai en min

Os caloteiros

Birgit Vanderbeke naceu na RDA en 1956. Tiña cinco anos cando a súa familia fuxiu ao Oeste e se instalou en Frankfurt. De nena sobresaíu nos estudos, na música e nos deportes, mais nunca deixou de se sentir diferente dos compañeiros: “Sempre cos zapatos que non eran, as medias que non eran, o peiteado que non era”. En 1989 Vanderbeke conciliaba a súa faceta de nai dun neno pequeno coa de filóloga investigadora, ultimando unha antoloxía epistolar que ilustraba a pobreza material dos xenios da literatura. Entón caeu o Muro de Berlín e principiou a reunificación alemá, e con ela a súa carreira literaria: en 1990 gañou o premio Ingeborg Bachmann coa súa opera prima, Mexillóns para cear. Foi a primeira dunha regular serie de obras breves de inconfundible estilo –”sinxelo pero sofisticado”, segundo Die Welt– que teñen recibido o aplauso do público, da crítica e dos xurados dun bo número de galardóns literarios.

 

Mexillóns para cear

No Preludio do Pañcatantra identifícase como o seu autor a Viṣṇuśarman, un brahmana octoxenario que acepta o desafío de ensinar os principios do bo goberno aos tres fillos paiolos de Amaraśakti, o rei de Mahilāropya, a cidade onde teñen lugar moitas das escenas do Pañcatantra. Debido á ausencia de probas externas e independentes con respecto a Viṣṇuśarman, resulta imposible dicir se el foi o autor histórico do Pañcatantra ou se el mesmo é unha invención literaria, ou quizais un pseudónimo.

 

Pañcatantra